Cinco anos sen Egunkaria

2008, otsailak 25

O 20 de febrero de 2003, ducias de Gardas Civís entraron na sede do xornal Euskaldunon Egunkaria, o único xornal que se publicaba en euskera, por orde do xuiz Juan del Olmo, da Audiencia Nacional española, para clausuralo e deter a vinte dos seus directivos baixo a acusación de integración ou colaboración con banda armada. Martxelo Otamendi, director, Iñaki Uria, Xabier Oleaga, Joan Mari Torrealdai, etc foron obxecto de moi graves acusacións e rexos interrogatorios, moitas veces baixo a noxenta práctica da tortura.

A sociedade vasca respostou ante tal inxustiza e para a memoria deste País ficará a manifestación que tivo lugar en Donostia uns días despois en protesta polo peche do xornal, posiblemente a máis concorrida na historia desta cidade, co apoio das institucións vascas e dunha ampla representación cidadá que na súa maioría xamais amosara nin a máis mínima simpatía con ETA.

Hoxe, cinco anos despois, os acusados enfróntase a elevadas peticións de condena, sen data para o xuizo pendente, sen acusacións que se puideran probar, e coa Fiscalía retirando os cargos. Cinco anos despois temos denunciado varios aspectos do proceso: o primeiro, que un simple xuiz de instrucción poida pechar un xornal da noite á mañá, deitando o principio de que son as persoas as que delinquen, e non as rotativas, e liquidando a presunción de inocencia. O segundo, que se pode acusar de ser de ETA a calquera, incluso a quen xamais colleu unha arma nas mans (algo que vén de ser ratificado no chamado sumario 18/98 ou caso Ekin). O terceiro, que se causou un dano terrible ao euskara como lingua, pois houbo intentos de vencellalo á violencia.

Os dirixentes de Egunkaria son vítimas dunha teoría expansiva do dereito penal, a teoría que di que todo é ETA. As “probas” presentadas durante a instrucción non soportan a máis mínima análise crítica e agora decidiuse abrir un proceso paralelo por “fraude económico” á vista de que non hai nada que vencelle a Egunkaria con ETA –como acredita a propia Fiscalía-. O grupo de apoio a Egunkaria está formado por ex lehendakaris como Garaikoetxea e Ardanza, nomeados dirixentes históricos como Arzalluz ou Errazti, sindicalistas de ELA, LAB ou CCOO, escritores como Bernardo Atxaga, cantantes, futbolistas e, como non, xornalistas, que viron no seu peche un ataque á sagrada liberdade de expresión que marca a un Estado de Dereito.

Sempre lembrarei a sensación de abraio que sentín, o mesmo que a maioría de vascos, cando espertei a mañá do vinte de febreiro do 2003 ao escoitar a nova do peche de Egunkaria, e a face dos detidos cando saíron da cadea. Moitos pensabamos que a chegada de novos talantes e aire fresco á política española ía conlevar o peche definitivo desta negra páxina da xustiza, pero non foi así aínda. Agardemos que iso chegue no futuro vindeiro e que se evite este novo atropelo a Egunkaria mediante un xuizo que non ten razón e que suporía un escándalo para calquera democracia.

E tamén agardo que o apoio a Egunkaria chegue de máis alá das fronteiras do País dos vascos. Adierazpen Askatasuna! Liberdade de expresión!

Dani Alvarez, 2008-02-23

www.vieiros.com

Iruzkinik ez »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. | TrackBack URI

Leave a comment

(XHTML etiketa hauek erabil ditzakezu): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong> .

; ?>